Sindicato Galego de Profesionais da Sanidade

O SERGAS PUBLICA A RELACIÓN PROVISIONAL DE ADMITIDOS NA OPE DE PERSOAL DE ENFERMERÍA, CELADOR E GRUPO AUXILIAR DA FUNCIÓN ADMINISTRATIVA

 §  Recibíronse 29.752 solicitudes de inscrición para cubrir as 1.429 prazas convocadas destas categorías

§  A categoría co maior número de inscricións é a de celador, con 11.429 solicitudes de participación

§  Os exames realizaranse o vindeiro ano, en coordinación cos restantes servizos de saúde estatais, sendo o de celador o 10 de marzo, o de grupo auxiliar da función administrativa o 7 de abril e o de enfermería o 12 de maio

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, os anuncios polos que se dá publicidade á relación provisional de persoas admitidas e excluídas, así como os exentos e non exentos do exercicio da lingua galega, no concurso-oposición para o ingreso nas categorías de persoal de enfermería, celador e grupo auxiliar da función administrativa do Servizo Galego de Saúde.

Recibíronse en total 29.752 solicitudes de inscrición para cubrir as 1.429 prazas convocadas, destas 830 prazas son para persoal de enfermería; 209 para o grupo auxiliar da función administrativa e 390 para celador.

En total resultaron admitidos 27.722 aspirantes. O 11,5 % das persoas aspirantes inscritas deberán realizar a proba de lingua galega, ao non resultar exentas de dito exercicio. A categoría con maior número de inscricións rexistradas é a de celador, con 11.429 solicitudes de participación.

Do total de inscricións presentadas, o 3% formalizáronse por persoas residentes en concellos de fóra da comunidade autónoma galega. O 30% dos admitidos teñen entre 30 e 40 anos e o 77% son mulleres.

Solicitaron participar pola quenda de promoción interna un total de 518 aspirantes, todos eles profesionais do Servizo Galego de Saúde, con vinculación fixa que están a desenvolver as súas funcións noutra categoría profesional do mesmo ou inferior nivel de titulación.